Mosquera sinala a "imposibilidade" de chegar a acordos coa Xunta como única "lagoa" no mandato da Deputación
Por Oskar Viéitez
O vicepresidente da Deputación, César Mosquera, destacou que a coalición entre BNG e PSOE foi "mellor do previsible inicialmente" e subliñou que só tivo una "lagoa" importante: "a imposibilidade de chegar a acordos coa Xunta de Galicia".
O vicepresidente fixo mención ás transferencias á Xunta de Galicia, coa que "non houbo intención de montar ningunha guerra institucional", e asegurou que a postura do presidente Núñez Feijóo "é un erro" porque "impide o bo funcionamento das administracións e os servizos en beneficio da cidadanía".
César Mosquera realizou esta valoración nun almorzo informativo con xornalistas no que fixo balance dos tres anos e medio dentro do executivo provincial e no que subliñou que a equidade e o cumprimento do programa de goberno foron os eixos reitores de todas as decisións tomadas.
Mosquera indicou que, nestes momentos, a falta de cinco meses para as eleccións municipais, o que queda por facer dende a administración provincial está xa planificado e xestionado administrativamente en todos os departamentos.
En canto á Deputación como institución, o vicepresidente nacionalista confesou que os tres anos e medio que leva no goberno non lle fixeron cambiar a súa postura sobre estas institucións senón que "a reforzaron" polo que insiste en que "as deputacións deben reformularse como tal", xa que considera que "é un fraude de lei que a cidadanía non poida elixir directamente aos dirixentes provinciais".
Mosquera asegurou que se houbese eleccións directas á Deputación de Pontevedra o actual goberno da institución provincial revalidaría os seus resultados grazas ao "bo traballo" feito durante o mandato. "Non teriamos problema en revalidar o goberno", dixo. De feito, Mosquera destacou o "escaso nivel político" da oposición do Partido Popular porque "non len nin os papeis".