O BNG reelixe a Marcos Suárez como cabeza de lista en Moraña para as municipais de 2019
Por Redacción
O actual portavoz municipal do BNG en Moraña, Marcos Suárez volveu contar coa confianza da militancia para presentarse, por terceira vez, como candidato á alcaldía de Moraña pola organización nacionalista.
Marcos Suárez agradeceu a confianza depositada nel e afirmou que encara esta responsabilidade "con máis gañas e máis ilusión incluso que a primeira vez ", xa que, quere, "contribuír a recuperar a nosa autoestima e o orgullo de sermos de Moraña".
Marcos Suárez cre que hai que darlle a volta á situación actual na que se atopa Moraña, por exemplo "na xestión do lixo a través da compostaxe, en alternativas para que a mocidade non siga marchando de Moraña, nunha cultura participativa, na modernización do centro urbano como un lugar atractivo ou en parroquias nas que poder vivir a gusto".
Rematou o portavoz municipal e candidato á alcaldía "facendo un chamamento a todas aquelas veciñas e veciños que non se conforman coa Moraña triste, rutineira e a remolque que nos ofrece o Partido Popular. Quero que saiban que teñen en nós a alternativa seria, rigorosa e necesaria para avanzarmos nos nosos obxectivos e mellorar a nosa calidade de vida".