Malestar entre os veciños de Augusto García Sánchez polo estado da rúa
Por Oskar Viéitez
Os veciños de Augusto García Sánchez están a se organizar para facer chegar ao Concello de Pontevedra o seu malestar ante a progresiva deterioración desta céntrica rúa do barrio de Campolongo, que comunica a Praza da Liberdade coa Praza de Galicia e ata a avenida de Eduardo Pondal.
Quéixanse da falta de iluminación, non pola ausencia de farois senón porque as ramas das árbores restan luz ás beirarrúas creando unha sensación de inseguridade. Igualmente estes fresnos de gran porte son motivo doutras molestias como o levantamento de lousas por culpa das súas raíces, ou o taponamento dos sumidoiros debido á acumulación de follas.
O aparcadoiro é outra das causas do descontento entre os residentes de Augusto García Sánchez xa que esta rúa dispón de gran número de prazas de aparcadoiro que "xestionan" un bo número de gorrillas, o que xera constantes enfrontamentos e redunda na inseguridade antes comentada.
Ademais o intenso tráfico que circula pola rúa rompe co modelo de cidade peonil impulsado polo goberno do alcalde Fernández Lores.
O concelleiro de Obras e Mobilidade, Demetrio Gómez avanzou que cando os veciños lle trasladen as súas demandas "estudarémolas e terémolas en conta e veremos que é posible facer".
Demetrio Gómez recoñeceu que "hai elementos que hai que ir mellorando continuamente" e citou entre estes "o réxime de aparcadoiros" ou os problemas de accesibilidade nas beirarrúas.
"Estudarase e ninguén mellor que os veciños e as veciñas da propia rúa para dicirnos cales son os problemas e poder atendelos", comentou mentres agarda a que sexan os propios afectados os que lle informen das súas demandas.