Cerdedo-Cotobade iniciará en breve a reforma da Casa do Pobo de Viascón
Por Redacción
A Casa do Pobo de Viascón será reformada a principios do próximo ano. Así o vén de confirmar o Concello de Cerdedo-Cotobade, que investirá uns 30.000 euros nesta actuación, que se enmarca no Plan de Centros Veciñais 2019.
A actuación realizarase, nesta primeira fase, só na planta baixa, na que se procederá ao cambio de toda a carpintería, a adecuación do aseo e o pintado de todo o seu interior.
Así mesmo, procederase a conectar este inmoble veciñal coa rede de sumidoiros e encargarase o subministro de catro mesas e vinte cadeiras para favorecer o axeitado desenvolvemento das distintas actividades.
Tras a construción do parque infantil e a próxima mellora da Casa do Pobo, Viascón tamén se beneficiará de diversas obras de acondicionamento de distintas pistas municipais por un importe de máis de 100.000 euros.
A maiores, e fóra deste plan parroquial está previsto que a parroquia se beneficie, aínda que polo momento non hai data, da creación dun gran centro BTT, o quinto da comunidade galega, que quedaría instalado en Atalaia e será a gran referencia provincial deste deporte, atraendo ata Viascón a centos de ciclistas, especialmente durante as fins de semana.
Este proxecto leva meses perfilándose con empresas especializadas e verá a luz en 2019.