Os transportistas cifran no 90% o seguimento do paro indefinido de subministracións de madeira a ENCE
Por Oskar Viéitez
A Unión Independente de Transportistas Autónomos (UITA) cifrou nun 90% o seguimento do paro indefinido de subministración de madeira nas plantas de Ence en Navia e Pontevedra, polo que valoran como "pouco crible" que a compañía pasteira diga que a situación na empresa é de normalidade, "xa que nin sequera cunha subministración do 20% podería manter a súa actividade produtiva".
Esta patronal dos transportistas asegura nun comunicado que desde as 00.00 horas do 24 de decembro, só traballaron 56 dos 500 camións que cada día descargan a súa madeira nas plantas de ENCE.
A UITA xustificou este paro indefinido como unha medida de presión ante a negativa da empresa para negociar melloras na seguridade dos transportistas, que están dispostos a poñer en coñecemento da Inspección de traballo.
Neste sentido, desde a empresa Ence aseguraron que as instalacións de recepción de madeira das fábricas de Navia e Pontevedra "son totalmente seguras, tanto para empregados como para transportistas", polo que afirman que "non é certo" que presenten problemas, tal e como difundiu a plataforma de transportistas "de forma falaz e inaceptable, con obxecto de xustificar o paro".
Para a compañía Ence, esta plataforma "encobre con esta inaceptable manipulación da verdade a auténtica razón que se atopa tras a convocatoria do paro: a defensa dun condutor que agrediu cun martelo, de maneira salvaxe e inadmisible, a uns ciclistas", de modo que reiteran que a compañía "non permitirá que o condutor agresor, cuxa insólita defensa por parte da UITA é a orixe deste conflito, volva traballar para a empresa".
Finalmente Ence lembra que a súa actividade consome o 25 por cento da madeira que se corta na comunidade autónoma galega; polo que nada impide ao condutor en cuestión traballar no sector, "para o 75 por cento restante" e engade que Ence non contratou directamente os servizos da mencionada persoa, "nin impide que traballe para outras empresas".
Desde UITA tamén denunciaron que "alguén usando a súa prepotencia irresponsable" está a realizar chamadas telefónicas a transportistas presionándolles para que non secunden o paro convocado pola plataforma.
Relacionadas:
-
Os transportistas desconvocan o paro de subministración a ENCE
Por Redacción |
-
Ence sinala que se rexistra entrada de madeira con normalidade malia a folga de transportistas
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Ence mantén o seu rexeitamento para traballar co camioneiro que agrediu a dous ciclistas
Por Redacción |
-
Transportistas ameazan con non servir madeira a ENCE por non traballar co camioneiro que atacou dous ciclistas
Por Redacción |