Combarro, segundo porto deportivo máis transitado de Galicia en 2018
Por Redacción
Segundo os datos facilitados polos propios xestores das instalacións náutico recreativas, o porto de Muros foi o máis transitado de Galicia, con 1.277 barcos, seguido do porto deportivo de Combarro, con 937.
Por municipios, Sanxenxo foi o concello con máis chegadas, 1.134 nos peiraos de Portonovo e de Sanxenxo, seguido de Baiona.
O conxunto dos portos autonómicos de Galicia recibiron en 2018 preto de 10.150 barcos, o que supón unha subida interanual global do 5%. O presidente de Portos de Galicia, Jose Juan Durán, subliñou que, por primeira vez, Galicia pasa a barreira dos 10.000 tránsitos nun ano, o que proba a tendencia á alza desta actividade.
Jose Juan Durán compareceu este mércores en rolda de prensa nas oficinas portuarias de Pontevedra para informar que os portos de titularidade autonómica das Rías Baixas, na franxa costeira entre Muros e Tui, recibiron 7.400 barcos en tránsito durante este ano.
Estas cifras reflicten unha subida interanual nesta actividade do 18% nas Rías Baixas.
O presidente do ente público responsable da xestión destas infraestruturas presentou tamén o balance de tránsitos na provincia de Pontevedra, onde esta actividade experimentou unha forte subida que alcanzou o 50%, situándose en 4.538 os barcos recibidos no conxunto da provincia. Polo que respecta á ría de Pontevedra, rexistráronse 2.500 barcos, un 13% máis que en 2017.
Deste xeito, a provincia de Pontevedra confirma a consolidación desta actividade portuaria no conxunto da comunidade, que experimentara xa nos pasados anos un importante ascenso e que está a manter os bos resultados.
Durán Hermida insistiu en que para Portos de Galicia, a captación de novos tránsitos é unha "liña de traballo estrutural", tal como recóllese no Plan Estratéxico da Náutica Recreativa 2012-2020, que o ente público está a poñer en práctica.
Neste sentido, engadiu que para impulsar estas chegadas, están a desenvolverse accións promocionais dos portos deportivos de Galicia a nivel nacional e internacional, como a recente presenza nos salóns náuticos de Southampton (Reino Unido), La Rochelle e París (Francia), ou a participación prevista no próximo mes de xaneiro en Fitur.