Bloody Mary de zamburiñas gourmet Pescamar
A última entrega do ano de "A cociña gourmet en conserva" regresa ás aulas do Centro Integrado de Formación Profesional Carlos Oroza.
Dende as cociñas do Carlos Oroza propóñennos un saudable, sinxelo e festivo cóctel coas zamburiñas da gama gourmet de Conservas Pescamar.
Alumnos e profesores únense para reinventar a receita do coñecido Bloody Mary, o famoso cóctel de tomate e vodka cuxa creación se lle atribúe a Fernand Petiot, quen preparou por primeira vez esta bebida en 1921 no bar Nova York de París.
A continuación, relatamos os pasos que temos que seguir para preparar este delicioso Bloody Mary de zamburiñas gourmet Pescamar.
Ingredientes:
- Zume de tomate (1 bote)
- Sal e pementa (1 chisco)
- Tabasco (4 pingas)
- Salsa perrins (2 pingas)
- Zamburiñas gourmet de Conservas Pescamar (1 lata)
- Zume de limón (1 cullerada sopeira)
- Romeu (1 folla)
Elaboración:
Nunha copa de cóctel poñemos o prebe da lata de Zamburiñas gourmet Pescamar.
A continuación botamos o zume de tomate e sazonamos co sal, pementa, tabasco, salsa perrins e zume de limón.
Axitamos cunha culler e presentamos.
Presentación:
Faremos a presentación nunha copa de cóctel sobre un prato de pan cun pano de mesa tipo té, folla de romeu e un espeto coas zamburiñas gourmet Pescamar sobre o bordo da copa.
Finalmente, incorporamos unha palla.