Nadal sen chuvias grazas a un anticiclón situado no norte de Francia
Por Redacción
Durante esta xornada de Noiteboa agárdase o predominio da influencia anticiclónica sobre Galicia. Con esta situación, haberá ceos con nubes de tipo alto, que non impedirán o paso do sol. As temperaturas non experimentarán cambios significativos situándose entre os 6 e os 17 graos. Os ventos soplarán frouxos de compoñente sur, segundo a información facilitada polo servizo de Meteogalicia.
Este martes, día de Nadal, as Rías Baixas continuarán baixo a influencia do anticiclón centrado ao norte de Francia. Desta forma, a festividade virá acompañada de tempo seco. Os ceos van presentarse con nubes de tipo alto. As temperaturas mínimas quedarán sen cambios en xeral, con lixeiro ascenso das mínimas e ventos de sudeste frouxos.
A influencia anticiclónica vai manterse tamén na xornada do mércores. A última hora da xornada comezarán a aumentar as nubes de tipo baixo polo oeste. As temperaturas estarán situadas entre os 10 e os 17 graos.
A partir do xoves chegará á comunidade os restos dunha borrasca co incremento de nubes baixas e probabilidade de chuvia, especialmente no litoral atlántico. Esta situación vai manterse tamén durante o venres. A partir do sábado agárdase unha recuperación da influencia anticiclónica con descenso progresivo da probabilidade de chuvascos. As temperaturas estarán situadas entre os 9 e os 15 graos.