A contorna da Ponte Malvar ofrece a súa mellor imaxe tras tres días de traballos de limpeza
Por Redacción
Desde primeiros deste mes de decembro, operarios dunha empresa encargada por Augas de Galicia realizaron traballos de limpeza na contorna da Ponte Malvar, na parroquia pontevedresa de Cerponzóns, que remataron esta fin de semana.
Retirábase con esta actuación maleza en preto de 500 metros ao redor desta histórica infraestrutura, na que está previsto rodar un documental con motivo dos mil anos que suma esta parroquia.
Esta intervención derívase dun encontro de representantes da Asociación de veciños O Chedeiro co subdirector xeral de Planificación e Proxecto de Augas de Galicia. Nesta entrevista, os integrantes do colectivo realizaron un balance sobre a situación do río Rons ao seu paso por Cerponzóns. Entre outras cuestións, tamén lle explicaron os problemas de escasa visibilidade na zona debido á presenza de árbores na contorna da ponte e que pon en perigo a peóns e tamén aos condutores.