Concentración silenciosa en Barro ante as deficiencias do Centro de Saúde
Por Redacción
Os usuarios do Centro de Saúde de Barro amósanse indignados. Un dos médicos de atención primaria atópase de baixa e desde o Sergas non ofrecen unha solución que os veciños consideren positiva para cubrir a súa ausencia.
O facultativo leva ao redor de quince días de baixa e os pacientes foron asignados a outro médico, que só ten consulta dous días á semana: os martes e os mércores. Esta situación está a provocar esperas de longa duración e atrasos de máis dunha semana nas citas médicas.
O tenente de alcalde de Barro, José Sanmartín, advirte que o problema vai agravarse a vindeira semana cando a atención primaria quede reducida a un só día, o mércores. Reclama tamén que se manteña o servizo de pediatría ao comprobar que o Sergas estuda a posibilidade de retirar a consulta actual do especialista en atención a menores.
Ante este problema, os veciños organizaron unha concentración de silencio ante o Centro de Saúde durante este sábado 22. Con esta acción queren amosar a súa preocupación polo "falecemento" da sanidade pública no municipio. Esta concentración contou coa participación do equipo de goberno formado polo BNG e o PSOE, coa presenza do alcalde Xosé Manuel Abraldes e de José Sanmartín, portavoz socialista e tenente de alcalde.
Avisan tamén de que se o Sergas non ofrece unha solución, van convocar máis actos de protesta porque sinalan que o edificio onde se acolle o Centro de Saúde precisa dunha mellora integral ou que a consellería de Sanidade estude a posibilidade de construír un novo inmoble.
Relacionadas:
-
A Xerencia da área sanitaria analiza as ausencias de médicos no centro de saúde de O Grove
Por Redacción |
-
Impulsan unha plataforma en Barro para protestar pola situación da atención sanitaria
Por Redacción |
-
Os colectivos sociais de Barro demandan o mantemento do servizo de Pediatría no municipio
Por Redacción |
-
Comeza a recollida de sinaturas para reclamar á Xunta un novo Centro de Saúde en Barro
Por Oskar Viéitez |