03347, o Gordo da Lotería cae en Pontevedra, Poio, Sanxenxo e Bueu
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O número 03347 resultou agraciado co Gordo, o primeiro premio do Sorteo Extraordinario de Lotería de Nadal, dotado con 4.000.000 euros á serie. É dicir, 400.000 euros por décimo.
O número saíu ás 12.35 horas no primeiro arame da oitava táboa e foi cantado por Carla García e Aya Ben Hamdouch.
Venderon un décimo na administración do Carrefour de San Blas de Pontevedra. Ademais, repartiuse un décimo dese número no restaurante Hogar del Puerto en Combarro, na cafetería Gran Suqui do Paseo de Silgar de Sanxenxo e dous décimos na Librería Abrente de Bueu.
No despacho situado no centro comercial de San Blas, a lotera Ana Belén Vázquez amosaba a súa felicidade abrindo unha botella de cava. Alí, a través da máquina unha persoa resultou agraciada cun décimo, que lle supón un ingreso económico de 400.000 euros. A responsable da administración sentíase moi ilusionada porque este establecemento leva ano e medio aberto neste espazo e esta nova supón un impacto positivo para o negocio. Anteriormente, estaba no centro comercial de A Barca e alí repartíu segundos e terceiros premios, pero nunca un primeiro no sorteo de Nadal.
EN BUEU VENDÉRONSE DOUS DÉCIMOS DO GORDO
Da contorna de Pontevedra, a administración que máis cartos repartíu foi a situada na Librería Abrente de Bueu. Neste establecemento aínda non se poden crer a noticia.
Marina Buceta, propietaria da librería explicaba que dous décimos emitidos por máquina resultaron premiados. Mentres responde a PontevedraViva, a carteira da zona párase ante a porta e pregunta se é certo que tocou alí un bo belisco. Marina confírmao e a carteira marcha rápida cara a súa casa para ver se é o número que ela tiña mercado. A responsable do establecemento recoñece que o premio da Lotería de Nadal é especial e que, ademais, agora a través da máquina o Gordo pode tocar, de forma moi repartida, en calquera punto de España. A súa filla, que reside en Londres, foi das primeiras en chamala cando se enterou da boa nova ao igual que a súa parella que se atopaba de viaxe fóra de Galicia e Marina recoñece que ten o teléfono cheo de whatsapp con centos de felicitacións.
Décimos do Gordo foron vendidos tamén en diferentes administracións de Redondela, Vigo, A Estrada e O Porriño, na cidade de Ourense e noutras localidades da Coruña como Santiago, Teo, Fene ou Pontevea ou a propia A Coruña; e de Lugo como Valadouro, Monforte de Lemos e Lugo. E, de novo, a administración El Alcázar, na localidade de Vilalba, situada na Rúa da Pravia, volveu a dar o gran premio.
O número estivo moi repartido por todo o país e ademais de en Galicia foi vendido, entre outras cidades, en Cuenca, Huesca, Madrid, Zaragoza, Cáceres, Cádiz, Cantabria, Cidade Real, Córdoba, Granada, Málaga, Murcia, Navarra, Salamanca, Segovia e Valladolid.
Relacionadas:
-
Os pontevedreses destinamos, de media, uns 16 euros a comprar Lotería do Neno
Por Redacción |
-
O 04211, terceiro premio da Lotería de Nadal, vendido en Cotobade e en Cambados
Por Redacción |
-
O 04211, terceiro premio da Lotería de Nadal, vendido en Cotobade e en Cambados
Por Redacción |
-
Un quinto premio moi repartido aporta alegría a Pontevedra e Vilanova de Arousa
Por Mónica Patxot & Redacción | Creada e actualizada