Candeas e flores para lembrar a vítimas como Laura Luelmo e reclamar medidas que eviten os asasinatos machistas
Por Redacción
Decenas de persoas, con gran presenza de mulleres, seguiron o acto organizado polo Colectivo Feminista Pontevedra na praza da Peregrina en memoria das vítimas de violencia machista durante este 2018.
Unha representante da organización foi lendo os nomes das vítimas e os datos de cada un dos asasinatos ao tempo que se encendía unha candea e se colocaba unha flor no chan amosando desta forma o tráxico balance que se ten rexistrado durante os últimos doce meses en España.
A última das 63 vítimas que nomearon foi Laura Luelmo, asasinada por Bernardo Montoya esta mesma semana en Huelva. Desde o Colectivo Feminista Pontevedra alertan de que hai máis casos de violencia machista e que, en moitas ocasións, non saen nos medios de comunicación ou non son considerados como tales pola lexislación.
Ante esta situación, reclaman ás administracións a adopción de medidas e a dotación de recursos económicos que permitan loitar pola igualdade e enfrontarse, desde a base, a esta grave situación provocada por unha sociedade patriarcal que derivou en "terrorismo machista".
Relacionadas:
-
A Peregrina acolle este venres un acto en lembranza de todas as vítimas da violencia machista en 2018
Por Redacción |
-
#PrimAcoso confirma que a violencia contra as mulleres está normalizada e que os agresores saen impunes
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O Colectivo Feminista de Pontevedra dálle unha volta á publicidade machista na súa campaña do 25-N
Por Diego Espiño |