Convocan un concurso de ideas para reconverter o Provincial nunha residencia de maiores
Por Alejandro Espiño
Ata 200.000 euros recibirá o gañador do concurso de ideas que vén de convocar a Xunta de Galicia, coa colaboración de Afundación e Abanca, para redactar os anteproxectos das sete residencias de maiores que se construirán nas grandes cidades galegas. En Pontevedra, será o actual Hospital Provincial o que pase a ter ese uso sociosanitario.
Estas residencias intégranse no plan autonómico "Como na casa", que mellorará os equipamentos para maiores nas principais zonas urbanas de Galicia, dotándoas de 900 novas prazas de atención á dependencia: 150 en Vigo e na Coruña e 120 en Ourense, Lugo, Santiago, Pontevedra e Ferrol.
Contémplase un investimento total de 66 millóns de euros e a creación duns 500 postos de traballo, para poder dotar a estas residencias do persoal necesario.
As residencias contarán, segundo Política Social, cun deseño moderno e integrarán os avances arquitectónicos e tecnolóxicos centrados en favorecer a calidade de vida das persoas maiores. Entre as novidades, por exemplo, contarán con unidades psicoxeriátricas para o tratamento dos usuarios con doenzas mentais.
No caso de Pontevedra, tal e como recollen as bases do concurso, a residencia ocuparía parte do baixo e dúas plantas do Hospital Provincial. O obxectivo da iniciativa sería estudar a volumetría do inmoble, duns 26.672 metros cadrados, para destinar alguna zona para este centro residencial.
A residencia tería unha extensión de 5.100 metros cadrados de superficie útil, que se corresponden con 6.000 metros cadrados construídos.
A área de habitacións dividirase en unidades xeriátricas, que contarán con dormitorios individuais, baños no dormitorio, comedor e sala de estar, baños, aseos e office ou cociña de tipo doméstico; e tres unidades psicoxeriátricas, con dormitorios individuais, baños de dormitorio, baños xeriátricos, controis de planta, cuartos de enfermería, oficios limpos e sucios, aseos de persoal, comedores e salas de estar e aseos comúns.
Haberá ademais zonas comúns e de servizos, con comedor, aseos e salón de peiteados; unha área especializada, que conta con farmacia, sala de rehabilitación, consultas de médico e podólogo, sala de curas e enfermería; e a área social, formada por salóns de estar para residentes e visitas, sala polivalente con despacho, cafetería con acceso ao exterior que conte con almacén e cociña, aseos comúns e un despacho de traballo social.
PROCESO DO CONCURSO DE IDEAS
Os cartos para a redacción dos anteproxectos, segundo a Xunta, serán financiados integramente por Afundación, de xeito que este concurso de ideas non suporá ningún desembolso económico para as arcas autonómicas.
Ademais, a convocatoria inclúe tres premios para os mellores proxectos: 9.000 para o gañador, 6.000 para o segundo e 5.000 para o terceiro.
O prazo para presentar ideas será de 45 días naturais, polo que permanecerá aberto ata o 4 de febreiro. Rematado ese período, as propostas serán valoradas por un xurado conformado por dous representantes da Xunta, un do Colexio Oficial de Arquitectos, un de Afundación e un de Abanca.
Relacionadas:
-
A Xunta solicita ao Concello un terreo para construir unha residencia de maiores
Por Oskar Viéitez |
-
Feijóo revela a Lores que a Xunta negocia a reapertura do antigo asilo como residencia de maiores
Por Redacción |
-
O Gran Montecelo 'absorbe' a metade do investimento da Xunta en Pontevedra en 2019
Por Alejandro Espiño |
-
O vello cuartel da Garda Civil será historia nun prazo máximo de seis meses
Por Alejandro Espiño |