Logran identificar o cadáver que apareceu na praia de Raeiros: un cidadán portugués de 73 anos
Por Natalia Puga
A Garda Civil logrou poñer nome ao cadáver localizado o pasado 24 de novembro na praia de Raeiros, no Grove. Tras varias semanas de xestións, este mesmo xoves chegou á Comandancia de Pontevedra o resultado das probas realizadas polo servizo de criminalística e púidose confirmar que se trata dun cidadán de orixe portuguesa de 73 anos que desaparecera dunha localidade próxima a Porto uns seis ou oito días antes.
A identidade puido establecerse a través das impresións dixitais do cadáver tras unha análise que resultou complicada porque foi necesario facer unha reconstrución das mesmas dado o estado de descomposición que presentaba o corpo. Finalmente, desde Portugal chegoulles a confirmación de que coincidían coas do desaparecido que estaban a buscar.
O coronel xefe da Comandancia de Pontevedra, Jorge González Veiga, confirmou este venres que o caso estaba pechado e sinalou que se baralla que o home puido afogar nalgunha zona de mar próxima á zona do Porto e o mar arrastrouno ata O Grove.
A distancia percorrido é longa, pero as correntes do océano Atlántico poden arrastrar o corpo ata a costa pontevedresa. De feito, non é a primeira vez que sucede e o propio coronel González Veiga lembra que 17 anos atrás apareceron en Fisterra, na Costa da Morte, os corpos de persoas que caeran ao río Douro na localidade portuguesa de Entre-os-Ríos nun autobús.
O corpo presentaba síntomas de estar na auga durante días, estaba parcialmente vestido e carecía de documentación, por iso é polo que se tardase tanto na súa identificación. Axudaron na procura os obxectos persoais do falecido, pois levaba encima un feixe de chaves e un paquete de panos de marca e fabricación portuguesa, pero o caso non puido pecharse ata a análise das impresións dixitais.