A Deputación incrementará ata o 40% a súa cofinanciación dos GES
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou o incremento ata o 40% da cofinanciación dos Grupos de Emerxencia Supramunicipais (GES) na provincia.
Este venres en rolda de prensa Carmela Silva desvelou as novidades do convenio de colaboración entre as Deputacións galegas, a Xunta, e a FEGAMP en materia de emerxencias e prevención e defensa contra incendios forestais para o desenvolvemento dos GES que se firmará o 26 de decembro e que a Deputación levará a pleno o día 28.
Co novo convenio, que estará vixente ata decembro do 2021, as Deputacións incrementan ata o 40% as súas aportacións ao cofinanciamento dos GES, a Xunta de Galicia rebaixa a súa ata o 52,5% e os concellos ata o 7,5%.
Deste xeito, increméntase o gasto para a Deputación de Pontevedra e redúcense os custes que teñen que asumir os concellos. Carmela Silva amosou a súa satisfacción xa que "tras meses de múltiples reunións, de encontros e de reflexións" e grazas á "xenerosidade das catro deputacións galegas" modificouse o financiamento dos GES co obxectivo de "minimizar o impacto económico que estes grupos significaban para os concellos" que verán rebaixada a súa aportación en 12,5 puntos.
No anterior convenio, a Xunta de Galicia asumía con cargo a fondos propios o 60% dos gastos de persoal e o 40% repartíase a partes iguais entre as Deputacións e os concellos sede dos GES.
Amais, tamén había uns gastos de funcionamento valorados en 10.000 euros e asumidos pola Xunta de Galicia que no novo convenio ascenderán a 30.000 euros.
A provincia de Pontevedra conta con GES nas zonas do Val Miñor, a do Baixo Miño, Valga, Ponteareas e Sanxenxo; e as subzonas de Tabeirós e Terra de Montes e O Deza.