A Deputación recibirá fondos da Unión Europea para un novo proxecto de formación laboral
Por Oskar Viéitez
A Deputación de Pontevedra recibirá financiamento da Unión Europea para un novo proxecto de formación laboral. A presidenta da administración provincial, Carmela Silva informou en rolda de prensa que o Fondo Social Europeo (FSE) 2014-2020 acaba de outorgar máis de 3,8 millóns de euros para o denominado Proxecto Labora 2020.
Esta iniciativa ten un orzamento total de 4.832.076 euros nos que o FSE achega o 80% e o 20% restante asúmeo a administración pontevedresa.
Carmela Silva destacou que este investimento situará á de Pontevedra como "a mellor Deputación de toda España no fomento do emprego", contestando así as críticas feitas desde o Partido Popular polas políticas impulsadas polo goberno PSdeG-BNG nesta materia.
Con este Proxecto Labora 2020 desenvolveranse "itinerarios integrados e personalizados para mellorar a formación e a empleabilidad" respondendo así as necesidades locais e xerando emprego naqueles sectores con maiores oportunidades.
"Imos formar para aqueles empregos que teñen moita demanda na nosa provincia e que, sen embargo, non hai xente formada para poder desempeñalos", explicou Carmela Silva. Un dos obxectivos do este proxecto é integrar aos colectivos máis vulnerables para que poidan conseguir o certificado de profesionalidade.
Estará dirixido a 855 persoas das que 456 son mulleres (o 53,3%). Beneficiará aos concellos de Lalín, A Guarda, Cangas, Vilagarcía de Arousa, Barro, Cambados, O Porriño, Mos, Moraña, Valga, Ponteareas, O Grove, Tomiño, Soutomaior, Vigo e Pontevedra. " Concellos de todas as comarcas e con gobernos de todas as cores políticas", comentou a presidenta da Deputación.
Os cursos de formación empezarán o 1 de febreiro de 2019 e terminarán o 31 de decembro de 2021 e tratarán actividades como: Auxiliares de almacén, Atención socio sanitaria a persoas dependentes en institucións sociais e no domicilio, Teleasistencia, Limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais, Dinamización de actividades de tempo libre e educativo infantil e xuvenil, Socorrismo en instalacións acuáticas, Auxiliar en conservación e mellora de montes e Operacións básicas ligadas ao turismo.