Lidia Senra tamén levará ao Parlamento Europeo a ampliación da EDAR dos Praceres
Por Redacción
As demandas da Plataforma Non Á Ampliación da EDAR dos Praceres chegarán ao Parlamento Europeo por dúas vías: as eurodeputadas Ana Miranda e Lidia Senra. O pasado venres a eurodeputado do BNG Ana Miranda anunciou que faría chegar as reivindicacións a Europa despois dunha reunión coa veciñanza e este xoves foi Lidia Senra a que mantivo unha reunión con representantes veciñais e fixo o mesmo anuncio.
Lidia Senra; o voceiro de Marea Pontevedra, Luís Rei; e o veciño da parroquia e candidato na lista do colectivo cidadán para as municipais, Jaime Acuña, mantiveron este xoves un encontro coa plataforma veciñal para defender, tamén desde as institucións europeas, un modelo de saneamento alternativo á macrodepuradora dos Praceres que pretende realizar a Xunta de Galicia.
O encontro tivo lugar a raíz da petición da plataforma veciñal, que manifestou a Lidia Senra as súas inquedanzas e a información que veñen recollendo desde que a Xunta anunciou a intención de triplicar as actuais instalacións da EDAR, construída sobre un recheo da praia dos Praceres que no seu día foi un banco marisqueiro.
Ao remate da reunión, Marea Pontevedra fixo público o seu posicionamento de que a suposta paralización ata 2023 da ampliación non supón, nin moito menos, un alivio para ninguén, pois actualmente estanse realizando as obras para canalizar as augas residuais dos concellos veciños e das empresas do Porto de Marín e continúa sobre a mesa o anteproxecto do emisario submarino. Este anteproxecto leva consigo a construcción dunha estación de carga e bombeo de 1.300 metros cadrados e 7 metros de altura, polo que, ademais do dano ambiental do propio emisario que atravesa o banco marisqueiro, convértese no primeiro paso dunha ampliación da que aseguran que "pretende facerse con nocturnidade e alevosía".
Relacionadas:
-
Performance veciñal en Praceres para criticar a actitude da Xunta ante as alegacións ao novo emisario na ría
Por Diego Torrado & Redacción |
-
Ana Miranda levará ao Parlamento Europeo o rexeitamento á ampliación da depuradora de Lourizán
Por Redacción |
-
Lourizán acusa á Xunta de facer "chantaxe" co posible peche da ría ao marisqueo
Por Redacción |
-
En Marea insta o Goberno do Estado a non autorizar a ampliación da depuradora dos Praceres
Por Oskar Viéitez |