Amizade denuncia o mal deseño das prazas de estacionamento para persoas con mobilidade reducida
Por Redacción
A asociación Amizade ten comunicado en varias ocasións ao Concello de Pontevedra que as prazas de estacionamento para persoas con mobilidade reducida non se sinalizan correctamente e que se reservan en zonas que non sempre son as máis axeitadas. Así o manifesta o seu presidente Paulo Fontán nun comunicado en que lembra que Amizade leva anos colaborando en todo o referente a accesibilidade.
A asociación afirma que tanto as dimensións como o deseño e a ubicación das prazas deben cumprir coa función de ser cómodas para as persoas que as utilicen.
Esta situación non se produce en diversas prazas do municipio, segundo denuncian. Poñen como exemplo, un aparcadoiro situado ao carón dun banco, no que resulta difícil e mesmo se imposibilita que unha persoa con mobilidade reducida poida utilizala. Na rúa Salustiano Portela Pazos, malia que non rematou a obra pero xa alertan de que unha farola coincide co lateral da praza reservada.
Noutros casos, trátase de prazas de escasas dimensións ou as ramplas da beirarrúa contan cunha pendente excesiva. Lamentan tamén que en García Camba, tras o reasfaltado do pavimento, suprimiuse unha das dúas prazas reservadas que existían.
Por este motivo, a asociación insta o goberno municipal a que as boas intencións con este colectivo se traduzan en "resultados satisfactorios".
Amizade tamén amosa rexeitamente á colocación de lastros nas rúas que se someten a reforma urbana, tal e como está sucedendo en Virxe do Camiño. Indican que sempre presenta dificultades para as persoas con mobilidade reducida ao non tratarse de superficies lisas. Ademais, lembran que este pavimento deteriorase con facilidade e que estes danos complican o movemento de cadeiras de rodas. Por este motivo, solicitan ao Concello que estableza unha directriz para que deixe de empregarse lastros.
Desde Amizade tamén reclaman que se acelere a reforma pendente da rúa Xosé Malvar na que residen varias persoas que empregan cadeira de rodas. Actualmente, aseguran, esta vía presenta numerosas dificultades de accesibilidade.