Cerdedo-Cotobade premia a mellor fotografía de Nadal cunha cea para seis persoas
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade vén de convocar un concurso de fotografía que ten como temática o alumeado ornamental e a decoración de Nadal colocados nas principais localidades do municipio, Carballedo, Tenorio e Cerdedo. Este certame, que se canalizará a través de sistemas de mensaxería instantánea, está orientado exclusivamente aos veciños empadroados en Cerdedo-Cotobade que sexan maiores de idade.
Os participantes, que só poderán concursar cunha imaxe, terán que fotografar o alumeado ou a decoración destas festas de xeito libre e poderán saír eles sos ou acompañados de familiares, amigos, mascotas ou ben centrarse exclusivamente nos elementos ornamentais do Nadal no municipio.
As instantáneas terán que ser remitidas a través de whatsapp ao número de teléfono 609 186166 e serán difundidas a través das redes sociais para dalas a coñecer entre a veciñanza e os visitantes. Teñen que ser fotografías orixinais e inéditas e o prazo de presentación das mesmas permanecerá aberto ata o 3 de xaneiro ás 10.00 horas. O Concello resérvase o uso das imaxes, excluíndo aquelas ofensivas, para a súa páxina web, boletíns, redes sociais ou calquera outro formato de publicación.
O gañador recibirá como premio unha cea para seis persoas no restaurante Mamá Lela, emprazado no lugar de Paraños (Carballedo), e será entregado durante o Certame de Reis que se celebrará o vindeiro 4 de xaneiro no CEIP de Carballedo.