2019 comezará en Moraña con obras en Rebón, Amil, Cosoirado e Soar
Por Redacción
Ata 231.000 euros investirá o Concello de Moraña en traballos de pavimentación e acondicionamento de beiravías nos lugares de Rebón, Amil, Cosoirado e Soar. Serán os primeiros investimentos do plan municipal para 2019.
Renovaranse treitos de ata 3.400 metros de lonxitude, pertencentes a seis pistas da rede local.
Estas obras enmárcanse en dous proxectos, sendo o de maior importe a pavimentación de camiños en Rebón, cifrada en 174.048 euros e que conta con tres meses de prazo de execución.
Nesta parroquia vaise proceder á limpeza de beiravías, optimización dos sobreanchos existentes para contar con calzadas que favorezan a dobre circulación e dotación de novo firme en Rebón de Arriba, O Calvo e San Pedro.
O obxectivo desta actuación pasa por mellorar as actuais condicións do firme, pero tamén por gañar espazo aproveitando ao máximo as posibilidades de cada pista, que actualmente oscilan entre os 3,60 e os 4 metros de anchura, para corrixir na medida do posible as súas condicións de estreitez e mellorar a seguridade viaria.
En canto ás obras concretas en Rebón, no Calvo vaise proceder á renovación do asfaltado en 996 metros e a unha pequena dotación de formigonado de rampla nun treito, en Rebón de Arriba estenderase un novo pavimento nos 740 metros da pista que vai a Batán e en San Pedro haberá novo firme en 722 metros de estrada e acometerase o empedrado, a modo de humanización, do acceso á igrexa.
En concreto, prevense enlousar dous carrís peonís, duns cinco metros cada un, e realizar a mellora dunha illa vexetal existente na parte central, de 1,5 metros, con bordiño perimetral de pedra.
Por outra banda, o segundo proxecto de investimentos para 2019, a reposición de pavimentación e cunetas, permitirá mellorar a calzada e os laterais de pistas en Cartamil (277 metros), Barro (185 metros) -ambos na parroquia de Amil- e Soar-Cosoirado (480 metros) cunha partida de 57.560 euros.
Relacionadas:
-
Moraña mellorará a conexión entre Soar e Cosoirado
Por Redacción |
-
A mellora do acceso á igrexa de Lamas, inicio do Plan de Vías de Moraña para 2019
Por Redacción |
-
A Xunta inicia as obras da senda peonil entre O Souto e Silvoso,en Moraña
Por Redacción |
-
A praza da igrexa de Cosoirado terá un acceso en pedra
Por Redacción |
-
Instalan novas marquesiñas de autobús en Moraña
Por Redacción |