Xa abriu o mercadillo da praza do Teucro con 32 artesáns
Por Oskar Viéitez
Este xoves abriu as súas portas PonteNadal 2018 "As Nadaladas do Teucro" a feira de artesanía que ata o próximo 5 de xaneiro resolverá os agasallos do Nadal dunha infinidade de pontevedreses.
Unha cita tan tradicional como imprescindible en horario de 11 a 14 horas e de 17 a 21.30 horas. Só pechará ao público os días festivos do 25 de decembro e do 1 de xaneiro.
A concelleira de Promoción económica, Anabel Gulías, explicou que nesta edición participan 32 expositores, case todos da provincia de Pontevedra, cunha variada oferta de artigos en pel, coiro, xoias, instrumentos musicais, zocas, alimentación, cerámica, pintura, téxtil, prata, produtos apícolas, complementos de todo tipo, xoguetes educativos de madeira e artesanía en oliveira ou cervexa artesá.
Do mesmo xeito que en anteriores edicións, tamén participarán as Ong Asociación Alba, Amencer e Solidariedade Internacional.
Anabel Gulías animou aos pontevedreses en comprar artesanía "de proximidade" e apuntou que "non é un reclamo, realmente hai moita variedade e moita tipoloxía de comercio e loitan por sobrevivir nunha contorna que non lles favorece".
A feira celébrase nunha carpa hermética, con lateral transparente, ben iluminada e cun chan que evita que se asolague coas choivas.
Esta feira impulsada polo Centro Comercial Urbano Zona Monumental, cuxo presidente Miguel Lago comentou que ten lista de espera con artesáns que están interesados en concorrer a esta feira pero que se quedaron sen espazo, "esto es un atractivo más que dinamiza la Zona Monumental".