Ponte Caldelas presume de municipio no seu calendario para 2019
Por Redacción
Case tres mil exemplares editou o Concello de Ponte Caldelas do seu calendario para 2019. Un ano máis, esta publicación volve facer un percorrido por unha ducia de lugares representativos do municipio. Xa se comezou a repartir entre os comerciantes e os veciños.
Para o 2019 apostouse por imaxes da capela do Casteliño (xaneiro), o calvario de Barbudo (febreiro), a Alameda de Ponte Caldelas (marzo), a romaría da Saúde en Rebordelo e Coveliño (abril), os petos de ánimas de Caritel (maio) ou o palco "republicano" de Vilarchán (xuño).
Tamén aparecen a cruz de Cristo Rei en Baltar (xullo), as fervenzas do Verdugo na Roca (agosto), a Pedra do Cervo de Cuñas (setembro), o muíño da canle de Parada (outubro) e as lápidas do adro da igrexa de Taboadelo (novembro).
O calendario caldelán fai unha excepción temática co mes de decembro, que dedica a unha imaxe virtual do futuro balneario de Ponte Caldelas.
A publicación, que conta co atractivo de que recolle as festas de cada un dos núcleos rurais e parroquias ademais dos festivos locais, é segundo o Concello toda unha declaración de amor por Ponte Caldelas, seguindo o espírito das publicacións periódicas que se fan na páxina de Facebook de Turismo de Ponte Caldelas.
Se alguén queda sen calendario pode solicitalo nas oficinas municipais.