O Hospital Provincial conta con nova área de Neonatoloxía onde se investiron 375.000 euros
Por Redacción
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, visitaba este martes as novas instalacións da área de Neonatoloxía, situadas no Hospital Provincial de Pontevedra, que serán inauguradas este venres 21.
Anualmente nacen ao redor de 1.500 bebés neste centro hospitalario, sobre un 4% son prematuros. Por iso, segundo explicaba o conselleiro, era necesario crear esta nova área dotada de 14 postos, cinco deles destinados a coidados críticos, con dous berces térmicos, dous postos de fototerapia e outros cinco postos para coidados intermedios.
Esta nova unidade de neonatos do Hospital Provincial conta con cabeceiros suspendidos para establecer a conexión dos gases medicinais e as conexións eléctricas de incubadoras ao teito. Con esta obra libéranse as conexións á parede que limitaban os movementos ao redor do paciente para ofrecer a asistencia sanitaria. Tamén se creou unha nova rede de gases medicinais e un novo equipo de monitorización de ventilación non invasiva.
O conselleiro, que acudiu acompañado do delegado provincial da Xunta, José Manuel Cores Tourís, e polo xerente da área hospitalaria, José Ramón Gómez, sinalaba que estas instalacións son máis amplas e ofrecen máis bioseguridade para a atención dos bebés e para as familias. Conta con sillóns recostables que permiten o contacto pel con pel.
O orzamento desta obra, que se acometeu durante os dous últimos meses, alcanza os 375.000 euros. Cando estea creado o Gran Montecelo, este departamento será trasladado ao novo hospital, pero o conselleiro recoñeceu que era un investimento necesario "porque son moitos nenos e pensamos que canto antes tiñamos que resolver esta situación".