O PSOE de Barro denuncia o roubo dun talonario da Lotería de Nadal
Por Redacción
A agrupación socialista de Barro denuncia que alguén lles roubou un talonario de participacións de lotería para o sorteo de Nadal, de modo que procederon á súa eliminación.
O talonario atopábase na bocatería Don Pincho de San Antoniño, en Barro, que rexistrou un roubo a pasada madrugada. Os ladróns entraron facendo un burato na porta principal e levaron a máquina come cartos e tamén a lotería do PSOE.
En total, roubaron dez participacións dende o número de serie 566 ata o 575. As anteriores, dende o 551 ata o 565 ambas inclusive do talonario roubado, si serán válidas e o seu valor será asumido polo PSOE.
O secretario xeral do PSOE e primeiro tenente de alcalde de Barro, José Sanmartín, amosa a súa solidariedade coa propietaria do local e a súa repulsa aos continuos roubos que sufre este local.
Ademais, solicitan á Subdelegación do Goberno de Pontevedra e ás autoridades competentes que se mellore a presencia de efectivos da Garda Civil no Concello de Barro e, en concreto, na zona de San Antoniño.