Suspenden as actividades no exterior dos centros educativos pola alerta por temporal
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
A alerta laranxa por temporal activada para a mañá deste martes pola Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) para as Rías Baixas levou á comisión escolar de alertas da Xunta de Galicia a tomar a decisión de suspender as actividades no exterior dos centros educativos das Rías Baixas, entre outras zonas de Galicia, e ao Concello de Pontevedra a pechar todas as instalacións ao aire libre dependentes do Servizo Municipal de Deportes mentres estea activo o perigo.
No caso dos centros educativos, a suspensión acordouse na mañá deste martes porque os avisos de alerta producíronse ás 23:39 horas do lunes e ás 5.02 da madrugada deste martes.
En calquera caso, a comisión decidiu que se manteña a actividade lectiva así como o transporte escolar en todos os centros educativos de Galicia. Aínda así, e como é habitual nestas circunstancias, no caso de que a situación meteorolóxica supuxese un risco superior ao declarado, os directores poderán adoptar as decisións oportunas a este respecto.
No caso das instalacións deportivas de Pontevedra, segundo anunciou o propio servizo municipal de Deportes, estarán pechadas ata as 15.00 horas deste martes e pídese á cidadanía que adopte todas as precaucións necesarias.
Aemet activou a alerta laranxa por temporal en varias zonas da provincia de Pontevedra. No caso das Rías Baixas, alértase de situacións de perigo entre as 8.00 e as 13.00 horas deste martes con ventos que poden acadar refachos de ata 100 quilómetros por hora.
A maiores, Aemet tamén activou unha alerta amarela por choivas en toda a contorna de Pontevedra cunha posibilidade de precipitación acumulada nunha hora de 15 milímetros de auga por litro entre as 8.00 e as 12.00 horas.
Xa para a tarde deste martes Aemet mantén unha alerta amarela entre as doce do mediodía e a medianoite por fenómenos costeiros. Respecto disto, tamén a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta de Galicia activou xa este luns a alerta laranxa por un temporal costeiro para os litorais da Coruña e Pontevedra.