Alerta laranxa por temporal costeiro
Por Redacción
A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta vén de activar a alerta laranxa por un temporal costeiro que comezará a últimas horas desta mesma tarde e que afectará aos litorais da Coruña e Pontevedra.
Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o nivel laranxa comenzará a últimas horas da tarde deste luns no litoral oeste da Coruña. Durante a madrugada do martes, estenderase ao noroeste e suroeste da Coruña, e Pontevedra. En todos os casos, agárdase vento do sur forza 8 e mar combinada do suroeste con ondas de 5 a 6 metros, e ocasionalmente de 6 a 7 metros.
Por mor do temporal costeiro, aconséllase a suspensión das actividades pesqueiras e marisqueiras como medida preventiva naquelas zonas máis perigosas. Tamén se recomenda que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.
Tamén os peiraos constitúen espazos de risco ante a alerta por fenómenos meteorolóxicos adversos. Nestes entornos, débense evitar os percorridos polas instalacións portuarias en especial en zonas de especial perigo como diques de abrigo, espaldóns, escolleras, escaleiras de acceso aos diques e peiraos, entre outros. Do mesmo xeito, débense evitar percorridos en vehículos preto dos peiraos así como aparcar nos portos, na medida do posible.
É recomendable, ademais, non pasear preto dos bordos litorais, paseos marítimos e zonas próximas ao mar, sobre todo nas batidas polo vento. Tamén se recomenda non camiñar polas proximidades dos edificios portuarios, guindastres fixos ou automotores, así como, noutras edificacións que pola súas características construtivas poidan sufrir desprendementos nas súas estruturas exteriores tales como cubertas metálicas.
EN TERRA
Meteogalicia apunta que durante o martes unha fronte moi activa atravesará Galicia deixando novamente unha situación de temporal de chuvia e vento. Deste xeito, agárdanse ceos moi anubrados ou cubertos con chuvias que serán máis intensas e persistentes pola mañá e que pola tarde irán quedando en forma de chuvascos intermitentes.
As temperaturas experimentarán un ascenso, que será máis acusado nas mínimas. Os ventos soprarán de compoñente sur, fortes en xeral pola mañá, diminuíndo progresivamente a súa intensidade.
Logo do paso da fronte fría tan activa na xornada do martes, para o mércores agárdase unha situación de intervalos anubrados con chuvascos intermitentes, máis frecuentes e intensos pola mañá, cando poden vir acompañados de treboadas e sarabia, e máis ocasionais e illados durante a tarde. A cota de neve estará sobre os 1.000 metros pola mañá, subindo a 1.200 metros pola tarde. As temperaturas sufrirán un lixeiro descenso. Os ventos soprarán de compoñente oeste, con intervalos fortes pola mañá no litoral norte.