Incautan unha embarcación e comisan 33 quilos de peixe e marisco na ría de Arousa
Por Redacción
Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Medio Rural e do Mar, en colaboración coa Garda Civil do Grove, desenvolveron un operativo de inspección na ría de Arousa, concretamente no Grove, Cambados, Meloxo e a Illa de Arousa, que se saldou coa incautación dunha embarcación, 5 aparellos de pesca e 33 quilos de peixe e marisco.
Os Gardacostas incautáronse da embarcación no porto do Grove por estar sen nome nin folio e por conter no seu interior artes e aparellos de pesca. Tamén requisaron un salabardo sen identificación con 4 quilos de nécora. A maiores, no porto de Meloxo, os axentes confiscaron 1 viveiro e 3 nasas que contiñan 25 quilos de nécora, 3 quilos de camarón e 1 quilo de santiaguiño.
Ademais de realizar control por mar os Gardacostas, en colaboración da Garda Civil do Grove, realizaron controis por estrada na zona nos que inspeccionaron un total de 29 vehículos.
pode supor un risco para a saúde ao non ter pasado ningún tipo de control que o avale
Dende a Consellería do Medio Rural e do Mar lembran á cidadanía que o consumo de marisco extraído e comercializado de xeito ilegal pode supor un risco para a saúde ao non ter pasado ningún tipo de control que o avale. Por iso, o departamento que dirixe Rosa Quintana pide ao consumidor que non compre produto fóra dos cauces legais de comercialización.