Un mozo detido e tres investigados por once roubos en Cambados
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
A Garda Civil detivo un mozo de Cambados e citou en calidade de investigados a outros tres como supostos autores dunha serie de roubos cometidos durante o último mes en distintos establecementos da súa localidade, a maioría en locais comerciais.
Efectivos do posto de Cambados abriron unha investigación por mor dos roubos que viñan producindo na localidade e concluíron coa identificación dos seus presuntos autores. En total, foron identificados catro, dos que un mozo de 21 anos foi detido e unha moza de 18 e dous menores están investigados.
Todos son veciños de Cambados e teñen un amplo historial delituoso. O detido foi posto a disposición do xulgado de garda de Cambados, que decretou o seu ingreso preventivo en prisión. En canto aos outros tres investigados, deberán comparecer cando sexan citados no xulgado no se entregaron as dilixencias.
Por mor das probas e indicios obtidos no transcurso da investigación, atribúeselles a estes mozos a comisión dun total de 11 feitos delituosos contra o patrimonio cometidos o pasado mes de novembro, a maioría no centro urbano de Cambados.
En concreto, trátase de catro roubos en distintos locais e establecementos comerciais (dous bares, unha barbería e unha oficina), outros dous roubos no campo de fútbol O Pombal e no Centro Cultural A Merced, un roubo e un furto de efectos en interior de senllos vehículos cando estaban estacionados na vía pública, o furto dunha bicicleta e dous furtos máis de carteiras nun supermercado.