Ferida unha muller que quedou atrapada no seu vehículo tras unha colisión frontal en Cuntis
Por Redacción
Unha muller resultou ferida e tivo que ser evacuada en ambulancia ao Hospital Clínico de Santiago tras quedar atrapada no interior do seu vehículo logo de bater frontalmente contra un furgón en Cuntis.
Segundo a información facilitada polo Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112, o sinistro produciuse na tarde-noite deste domingo na estrada N-640, á altura da curva de Castro Loureiro.
Varios veciños alertaron do accidente sobre as 20.00 horas deste domingo indicando que había unha muller que tiña dificultades para saír do coche, polo que, desde o 112 Galicia, pediuse a colaboración dos membros do GES da Estrada para a liberación da ferida.
Tras retiraren a porta da condutora, os profesionais do 061-Urxencias Sanitarias puideron acceder á ferida e, cando lograron estabilizala, foi evacuada en ambulancia ao Hospital Clínico de Santiago.
Cos membros do GES da Estrada colaboraron tamén os voluntarios de Protección Civil da localidade e os axentes da Garda Civil de Tráfico.