Seis persoas resultan intoxicadas por inhalación de fume nun incendio nocturno nun piso de Caldas
Por Redacción
Un total de seis persoas tiveron que recibir asistencia médica na noite deste sábado e un edificio da avenida de Pontevedra de Caldas de Reis tivo que ser desaloxado por mor dun incendio declarado nun piso da citada rúa.
Segundo a información facilitada polo Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112, os seis afectados recibiron os primeiros coidados no Punto de Atención Continuada do centro de saúde de Caldas e cinco deles tiveron que ser evacuados posteriormente ao Hospital Montecelo de Pontevedra por unha intoxicación por inhalación de fume.
As primeiras informacións apuntan a que o lume posiblemente se iniciou na campá extractora despois de que un dos ocupantes da vivenda estivera cociñando e deixara esquecida unha tarteira ao lume.
O primeiro aviso polo incendio realizouno un veciño ás 21.30 horas deste sábado. Indicaba que empezara a arder nun piso situado na avenida de Pontevedra, de maneira que desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia pediuse a colaboración dos Bombeiros do Salnés e dos membros do GES de Valga co fin de atallar o lume.
Ao lugar do incendio, tamén acudiron voluntarios de Protección Civil e axentes da Policía Local, que comezaron a desaloxar o edificio para garantir a seguridade das persoas mentres duraron as tarefas de extinción.
No que se refire aos danos ocasionados polo incendio, queimouse a campá extractora e viuse afectada unha parede da cociña.