Cuntis súmase ás redes ultrarrápidas de acceso a Internet
Por Redacción
A veciñanza de Cuntis xa conta coas primeiras conexións a Internet a través de redes ultrarrápidas que garanten unhas condicións de servizo moito máis adaptadas ás necesidades de conectividade cada vez máis esixentes.
Esta situación é resultado de que o Concello de Cuntis sexa un dos beneficiarios do Plan de Banda Larga 2020 da Xunta de Galicia y e do Programa de extensión de Banda Larga de Nova Xeración da Administración Xeral do Estado, que están a permitir despregar en toda Galicia redes ultrarrápidas de acceso a internet.
Durante este ano 2018 o servizo chegou a Arcos de Arriba, Fontecova, Portodegomez, Magán, Guldrigáns e Hervés. A poboación destas zonas xa teñen servizos de acceso a internet de máis de 100 Mbps simétricos de fibra óptica instalada por Telefónica de España, S.A..
Ademais, a compañía R rematou esta semana o despregamento da súa rede no casco urbano, de maneira que a veciñanza desta zona de Cuntis poderá ter acceso a unha rede de comunicación acorde ás necesidades do sector comercial e industrial.
Por outra banda, o alcalde de Cuntis, Manuel Campos, mantén reunións con veciños doutras zonas do concello como Mesejo ou Noval que están interesados en que a rede chegue ata estes lugares, que nalgúns casos contan con industrias ou explotacións ás que lle resultará moi útil.
Os operadores poderán continuar incrementando a velocidade de acceso a internet en zonas nas que non existe este servizo de redes ultrarápidas e sen previsión de dispor dela.
Para máis información a Oficina do Plan de Banda Larga habilitou o teléfono 981 957 868 e un correo electrónico, oficina.bandalarga@xunta.gal, onde atenderán todas as peticións de información e demais aclaracións que se plantexen.