Os pensionistas saen á rúa en defensa de todos os servizos públicos
Por Redacción
O Movemento Galego en Defensa das Pensións Públicas (Modepen) e a Coordinadora Estatal en Defensa das Pensións Públicas saíron á rúa este sábado en defensa de todos os servizos públicos e a pesar da choiva insistente que caeu durante toda a mañá xuntaron a varias decenas de persoas que secundaron as súas demandas sociais.
A concentración realizouse na praza de España de maneira simultánea en 25 cidades e vilas galegas e unhas 150 de toda España e supuxo a primeira protesta deste colectivo seguindo a que será a súa estratexia de loita durante o ano 2019: abrir o abanico das súas reivindicacións e non só reclamar pensións dignas,senón melloras en todos os servizos públicos.
O obxectivo é facer unha defensa xenérica dos servizos sociais que se fai necesaria "dadas as circunstancias que estamos a vivir, os recortes continuados en sanidade, os recortes continuados en educación, en dependencia..." e tamén "á vista de que os orzamentos de 2019 non queren ser aprobados polo arco parlamentario". "Non queremos parcelar a loita da clase obreira", defendía esta semana Victoria Portas, portavoz da Coordinadora Estatal.
Os dous colectivos convocantes fixeron extensiva a convocatoria a outras entidades pontevedresas que traballan no ámbito dos servizos sociais, cos que xa levan traballando bastantes meses nunha estratexia de loita conxunta.