Para Telmo Martín, o alto custo do proxecto de Portonovo "non é un inconveniente, máis ben o contrario"
Por Redacción
O grupo de goberno de Sanxenxo cre que a presentación do anteproxecto de mellora e humanización da zona portuaria de Portonovo está a lograr un alto alcance con máis de 40.000 persoas que seguiron as publicacións das redes sociais dependentes do Concello.
O goberno de Telmo Martín convida a aquelas persoas que queiran coñecer este proxecto con detalle a que realicen unha chamada ao Concello e solicitar información.
O PP e SAL cren que esta iniciativa conta con amplo respaldo e afírmase, desde o goberno, que se terán en conta as suxestións realizadas sobre cambios na zona do varadero, a localización da atracada dos barcos de Ons e Cíes e a inclusión no proxecto dunha fábrica de xeo de escamas.
A maioría, segundo sinalan desde o Concello, coincide en renovar a zona portuaria coa mellora do porto pesqueiro, a creación de zonas peonís e espazos verdes, coa prolongación do paseo marítimo e o incremento de prazas de aparcadoiro.
Telmo Martín recoñece que hai veciños que mostran dúbidas sobre a viabilidade polo alto custo económico desta obra, que se estima en 20 millóns de euros.
Con todo, desde a alcaldía indícase que "as dúbidas que poida xerar a complexidade e o custo do proxecto non son un inconveniente máis ben o contrario". Neste sentido, calcula que o párking soterrado xere máis dunha cuarta parte do custo total tanto se é baixo concesión coma se é explotado polo Concello.
Segundo o goberno local, a parte máis cara do proxecto corresponde ao porto pesqueiro e o Concello espera contar cunha importante colaboración económica da Consellería de Mar e de Portos de Galicia