Lucía Santos liderará a candidatura do BNG en Marín nas eleccións municipais
Por Oskar Viéitez
A asemblea local do BNG marinense designou a Lucía Santos Omil como cabeza de lista da candidatura que o Bloque presentará en Marín nas eleccións municipais de 2019.
Lucía Santos agradeceu a confianza depositada e afirmou que se sinte "arroupada por persoas honestas e cunha grande capacidade de traballar en equipo".
Nunha breve análise da situación de Marín amosou a súa tremenda preocupación pola negativa dinámica que padece o concello, enumerando unha serie de importantes problemas que afectan á calidade de vida da veciñanza, e sinalando que "no BNG, e cada día máis marinenses, somos conscientes de que o PP é un lastre para Marín".
A actual portavoz municipal avanzou as liñas mestras do proxecto co que aspira a construir "un Marín cun horizonte claro, que recupere o pulso" e o "orgullo de ser de Marín". Un proxecto co foco posto na "necesaria" reforma urbana, abrindo Marín ao mar, poñendo ás persoas en primeiro plano, rehabilitando e protexendo o patrimonio, promovendo o dinamismo socioeconómico, ofrecendo alternativas á mocidade e cun forte compoñente das políticas sociais, dixo.
A candidata destacou que "no BNG temos un modelo de política municipal - o modelo BNG -, contrastado e recoñecido, un modelo de prestixio premiado internacionalmente, que mellora a vida das persoas e transforma a mellor as nosas vilas e cidades".