As persoas con discapacidade disporán de reserva de prazas na segunda convocatoria da ABAU
Por Redacción
As persoas con discapacidade disporán desde este curso de reserva de prazas nas titulacións do Sistema Universitario Galego na segunda convocatoria da ABAU (Avaliación do Bachalelato para o Acceso á Universidade), á vez que disporán tamén de reserva de prazas nos dobres graos que se imparten nas tres universidades.
Así o anunciaron este venres os delegados na Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG) das universidades de Vigo, Iván Area, e Santiago de Compostela, Celso Rodríguez, trala xuntanza que mantiveron cos responsables do Centro de Recursos Educativos (CRE) da ONCE en Pontevedra, onde desde hai 25 anos realizan as probas de acceso persoas con discapacidade de toda Galicia.
En rolda de prensa Iván Area explicou que "detectamos que había algunhas discriminacións xustamente para as persoas discapacitadas e estivemos traballando para que estas non persistan no tempo".
Deste xeito, desde o presente curso as persoas con discapacidade que superen a ABAU na súa segunda convocatoria, que tradicionalmente se celebraba en setembro e que en 2019 terá lugar en xullo, terán reserva de prazas, ao igual que disporán desta, por primeira vez, nos máis de 20 dobres graos que se imparten en Galicia, dez na USC, sete na UDC e catro na Universidade de Vigo.
Pola súa banda Celso Rodríguez incidiu en que tamén "é necesario que impulsemos unha reforma lexislativa" para que o real decreto que regula estas cotas de acceso recolla o seu mantemento para a segunda convocatoria da ABAU, en lugar da acumulación das prazas vacantes ao cómputo xeral.
Area tamén anunciou, trala xuntanza mantida co director do CRE, José Angel Abraldes, e o instrutor tilfotécnico deste centro Pablo Vilariño, outra novidade en relación ao acceso das persoas con discapacidade a estas probas, ás que se solicita que antes do 4 de febreiro remitan á CIUG "un informe do seu centro sobre as adaptacións que se lles están facendo".
Isto, sinalou, permitirá á comisión “preparar todas as adaptacións de medios que necesiten”.