O PSdeG-PSOE explicará en Pontevedra o Plan de empego de Rubalcaba
Por Oskar Viéitez
A sede do PSdeG-PSOE en Pontevedra acollerá este mércores, a partir das 20 horas, un acto público para presentar o Plan de Reactivación Económica e de Emprego que o secretario xeral do PSOE, Alfredo Pérez Rubalcaba, entregou aos sindicatos e presentou a nivel nacional en Sevilla.
O secretario galego de Emprego, Xosé Manuel Civeira, e o secretario local de Economía, César Martínez, anticiparon algúns dos contidos da proposta socialista para axudar a saír da crise económica.
César Martínez falou da necesidade dunha reforma fiscal en profundidade para adaptarse á situación actual do país. Destacou que o sistema actual apóiase case exclusivamente nas rendas do traballo, mentres que non hai un esforzo correlativo por parte dos grandes capitais e patrimonios. Por outra banda, na súa opinión, a receita para atacar o déficit público debería basearse máis no incremento dos ingresos en lugar de concentrarse, case de xeito exclusivo, no recorte do gasto.
Xosé Manuel Civeira centrouse no emprego e explicou algunhas das propostas concretas para loitar contra o paro entre os mozos, entre elas a posta en marcha dun plan de primeira experiencia profesional, a creación dun contrato subvencionado para mozos en prácticas, a posta en marcha de pactos territoriais de emprego, a axuda ás empresas en dificultades e a ampliación do programa Erasmus á Formación Profesional.
O Plan de Reactivación Económica e de Emprego do Partido Socialista achega ideas troncais para facilitar o crédito ao sector privado, estímulos para a creación de emprego a corto prazo, unha reforma fiscal e iniciativas para a loita contra a pobreza, destacaron os responsables do PSdeG-PSOE.
A receita socialista pasa por centrar o gasto público neste tipo de medidas. Para elo inclúe a creación dun fondo público de 20.000 millóns de euros para a financiación das empresas, xunto con outro fondo para reestructurar a débeda dos fogares, fundamentalmente a relacionada co impago das hipotecas, dotado con 10.000 millóns de euros. Finalmente, suxírese a implementación dun Fondo de Emerxencia contra a pobreza dotado con 1.000 millones de euros para 2013.