O novo local social de Tenorio custará 300.000 euros
Por Redacción
Ata 300.000 euros destinará o Concello de Cerdedo-Cotobade para a construción do novo local social da parroquia de Tenorio. O presidente municipal, Jorge Cubela, destacou que este é un dos principais compromisos que recolle o Plan de Centros Veciñais 2019.
O rexedor, que supervisou a parcela onde se emprazará este recinto xunto ao concelleiro José Pichel, revelou que os orzamentos municipais do próximo ano recollerán unha partida de 198.000 euros para comezar coa súa construción.
Así, o documento económico vai incluír unha contía de 18.000 euros para a redacción do proxecto construtivo e outra asignación de 180.000 para o desenvolvemento da primeira fase, que se completará cunha segunda que se prevé que sexa consecutiva.
O novo local social, que se vai situar nunha parcela próxima ao centro de saúde e á estrada N-541, vai dispoñer dun salón de grandes dimensións con capacidade para 300 persoas que poderá acoller baixo cuberto e nas mellores condicións os principais eventos da parroquia e tres aulas destinadas a actividades de formación e pequenas xuntanzas.
Deste xeito, preténdese dotar a Tenorio dunha infraestrutura que poderá ser empregada prioritariamente polos colectivos culturais Os Trazantes e Foula, pola asociación de xubilados e polos demais colectivos da parroquia, quedando a disposición do resto de entidades do municipio en caso de que haxa ocos libres.
"Vai ser un edificio cómodo e moderno con todos os servizos", detallou Cubela, que destacou que con este centro veciñal e coa reforma e modernización do local da Banda de Música, que se atopa en fase de licitación, a parroquia de Tenorio vai quedar "perfectamente dotada" cunhas infraestruturas sociais variadas e complementarias.
Relacionadas:
-
A construción do centro sociocultural de Tenorio comezará a principios de 2020
Por Redacción |
-
Licitan o acondicionamento interior da Casa do Pobo de Cutián
Por Redacción |
-
Cubela presenta o proxecto do novo centro social de Tenorio
Por Oskar Viéitez |
-
Cerdedo-Cotobade ultima un orzamento de cinco millóns de euros para 2019
Por Redacción |
-
A empresa Acevi acometerá as obras no local da Banda de Tenorio
Por Redacción |
-
Cerdedo-Cotobade investirá 300.000 euros para modernizar o local da Banda de Tenorio
Por Redacción |