VÍDEO.- Abrazos de Nadal de ida e volta entre Pontevedra e Puerto Rico
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Un grupo de 75 escolares de 5 anos da escola de educación infantil Crespo Rivas de Pontevedra recolleron en vídeo unha panxoliña. Un grupo un pouco inferior de alumnos de prekinder (4 anos) da escola elemental CeDIn de San Juan de Puerto Rico fixeron o propio cunha canción de Nadal propia do seu país.
Todo sucedía este venres, aínda que non de xeito simultáneo polas dificultades derivadas da diferencia horaria entre estes centros escolares situados a máis de 6.000 quilómetros, e a próxima semana uns e outros poderán ver o resultado dos cantos dos seus compañeiros do outro lado do Atlántico. Recibirán en formato audiovisual todo o cariño que lles envían para estas datas festivas nenos e nenas aos que aínda non coñecen e cos que, aínda así, xa teñen establecidos vínculos por meses de traballo en común.
A fermosa iniciativa mantén moi atarefada a toda a comunidade educativa do Crespo Rivas desde hai semanas e este venres converteu o vestíbulo deste centro do barrio de Campolongo nun estudo de gravación que non escatimou esforzos nin recursos para que o son da 'Panxoliña da Neve' que decidiron interpretar se recollera á percepción.
Nico Rodríguez, Pablo Lesuit e o equipo de producción de Gero e Romy fixeron posible que este particular felicitación de Nadal puidera plasmarse en vídeo en formato profesional e o equipo docente do centro, coa estimable axuda e asesoramento de Anxo González Guerra, prepararon aos protagonistas de 5 anos para que cantaran, saudaran, sorriran e enviaron moitos abrazos alén do mar, a un mundo que descoñecían ata hai tan só uns meses.
Con este saúdo comezou todo. O seu responsable foi o escritor e profesor xubilado Anxo González Guerra. Fiel defensor da lingua propia de Galicia durante toda a súa carreira, agora que deixou de dar clase no instituto Sánchez Cantón, colabora en proxectos de difusión lingüística coma este, co que o equipo docente do Crespo Rivas, na súa calidade de escola pública plurilingüe, busca promover un intercambio intercultural e facer chegar a Puerto Rico a riqueza da lingua e da cultura galegas.
Anxo González Guerra serviu de fío condutor neste vídeo que en cuestión de días viaxará polo ciberespazo ata San Juan de Puerto Rico e, da súa man, o alumnado desexou 'Feliz Navidad' en castelán e 'Bo Nadal' en galego aos seus compañeiros de proxectos, dedicoulle un "aplauso aplausísimoooooo" e mandoulles millóns de abrazos e bicos antes de interpretar unha panxoliña baseada nun poema de Manuel María.
A comunicación de Pontevedra a Puerto Rico está a ser dentro deste proxecto en galego e a que se recibe desde a illa americana chega en castelán, seguindo un esquema lingüístico que este centro xa utilizou meses atrás nun intercambio con escolares do Reino Unido en tanto que o inglés é a súa terceira lingua vehicular e que tamén compartiron xa coa escola Cedim a principios de ano durante unha videoconferencia no marco do proxeto 'Aluzina'.
- Falo en galego, entenden algo? Queren que repita algo?
- Vostedes falan inglés pero tamén falan español, o idioma das tradicións, dos antepasados, por eso lles gusta tanto. Aquí en Galicia falamos español, coma vostedes, pero tamén falamos o idioma de Galicia, o galego, o idioma das nosas tradicións.
- Miren, atendan, en galego a Navidad chámase Nadal e as cancións de Navidad son panxoliñas.
De novo foi Anxo González Guerra quen actuou de interlocutor, falando sempre en nome dos pequenos de cinco anos que agardaban "moi nerviosos pero moi felices" para poder cantar a canción que con tanto cariño prepararon e coa que queren acompañalos nas festas e tamén sentar as bases dunha colaboración que empezou a raíz do furacán que o 20 de setembro de 2017 arrasou Puerto Rico e para o que xa teñen actividades programadas o próximo mes de marzo.
- Así que, amigos e amigas de América... vai para vostedes, esperamos que lles guste.