A sexta gran recollida solidaria obtén 125.000 quilos de comida para o Banco de Alimentos
Por Redacción
A Fundación Provincial Banco de Alimentos fai un balance moi positivo da campaña realizada este ano con motivo da Gran Recollida Solidaria celebrada durante o 30 de novembro e o 1 de decembro. Nesta sexta edición lográronse 125.000 quilos de comida na comarca de Pontevedra.
Trátase de 5.000 quilos de alimentos máis que os recadados en 2017. A acción levou a cabo en Pontevedra cidade, Sanxenxo, Vilagarcía, Marín, Cambados, Arcade e Lalín dentro da campaña en toda a provincia na que, en total, se acadaban os 330.000 quilos de comida. Un ano máis contouse coa axuda loxística de persoal da Brigada de Infantería lixeira (BRILAT) e da Escola Naval de Marín.
Durante estes días acométense os traballos para distribuír estes alimentos no almacén cedido gratuitamente polo empresario José María Rivas. Un grupo de internos do Centro Penal da Lama colaboran neste traballo de repartición entre 32 entidades homologadas chegando a 5.000 persoas con situacións económicas difíciles.
O padriño desta edición, o humorista David Amor, ademais de recoller alimentos como voluntario, logrou unha doazón extra de 800 quilos de marmelada dunha coñecida empresa.