Falece atropelado na AP-9 cando pedía axuda porque estaba perdido
Por Redacción & Natalia Puga
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Un home de 67 anos faleceu na madrugada deste venres 14 de decembro tras ser atropelado por un turismo na autoestrada AP-9 ao seu paso por Pontevedra.
O accidente tivo lugar ao redor das 1.00 horas da madrugada á altura da saída do centro urbano de Pontevedra, segundo informa o servizo de atención ás emerxencias 112 Galicia.
Segundo a información solicitada no lugar dos feitos polo equipo de atestados da Garda Civil de Tráfico de Pontevedra, o falecido detívose na beiravía dereita e baixou da súa furgoneta Peugeot Partner porque estaba perdido e tentaba pedir axuda para que alguén lle indicase como regresar a Portugal.
O home, segundo Tráfico, non se puxo ningunha peza reflectora nin facía uso de elementos luminosos na calzada. Ademais, a calzada carecía de iluminación cando se dispuxo a cruzala. Nese momento, foi arroiado por un turismo Vokswagen Passat.
O condutor do outro turismo resultou ferido leve e, segundo o 112, foi trasladado en ambulancia ao Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez de Pontevedra. Deu resultado negativo nas probas de consumo de alcol e drogas realizadas pola Garda Civil de Tráfico
En canto ao falecido, trátase dun home de 67 anos natural de Nazaret, en Portugal, de iniciais J.R.D.C. No momento do accidente, a súa parella acompañábao no vehículo do que el baixou.