O tren xa visualiza en Marín unhas festas cargadas de agasallos
Por Redacción
Un grupo de escolares xa participaba este xoves do Tren de Nadal, unha das ofertas que se recollen entre as actividades previstas polo Concello de Marín para as vindeiras semanas dentro da programación festiva.
Este venres 14 no Multiusos van iniciarse os concertos co recital da Banda de Música da Escola Naval a partir das 19.30 horas. Antes, a primeiras horas da tarde, está prevista a inauguración da carpa de artesanía, que organiza a Asociación de Artesáns de Marín, na Alameda.
Durante o sábado, a Coral Sociocomunitaria ofrecerá ás 11.00 horas un recital na Praza de Abastos. A mesma agrupación, ás 20.00 horas, ofrecerá un concerto de panxoliñas no Multiusos.
Este espazo será tamén escenario para o recital previsto para o domingo 16, ás 19.30 horas, a cargo da Banda de Música Musimarín.
Durante estas festas haberá tamén un mini mercado, organizado polas ANPAS, a papanoelada moteira, actividades solidarias, un belén vivinte, ademais doutra feira de artesanía no parque Eguren, onde se celebrarán obradoiros e sesións de contacontos, entre outras iniciativas, que buscan dinamizar a vila co obxectivo de promover a venda de produtos nos comercios locais, segundo apuntan desde o goberno local.
Os máis pequenos, ademais, xa teñen oportunidade de deixar as súas peticións no caixón de cartas real, que se atopa situado na entrada ao Concello.