Campo Lameiro comeza a construción do centro de estancia para maiores
Por Redacción
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao alcalde de Campo Lameiro, Julio Sayáns, visitaron este xoves o inicio das obras de construción do futuro centro de estancia para maiores, situado a carón da igrexa de San Miguel do Campo.
Esta é unha obra incluída no Plan de Reequilibrio impulsado pola Deputación, cun orzamento total de 517.003,71 euros, dos que o goberno provincial achega 367.003,71 euros.
A presidenta felicitouse pola calidade deste proxecto e o alcalde de Campo Lameiro explicou que no verán xa estará lista esta nova infraestrutura que será xestionada directamente polo municipio "e permitirá, por encima de todo, atender aos nosos maiores, que é unha das grandes demandas actuais dos pequenos concellos do rural".
O Centro de Estancia de Campo Lameiro desenvólvese nunha única planta, integrándose perfectamente no entorno e empregando unha sinxela combinación de formigón e madeira. Incorpora tamén grandes ventás, que permiten un maior contacto entre o interior e o exterior, participando do espazo urbano que o rodea.
O edificio aproveita o desnivel propio do terreo para situarse nunha cota inferior aos elementos protexidos da zona: igrexa, praza e cruceiro.
O edificio construirase coma un bloque contedor de actividades, agrupadas por familias e conectadas por un único distribuidor, con dúas zonas de espera, onde se enlazan os distintos espazos diferenciados: administración, instalacións, fisioterapia e rehabilitación, hixiene e ximnasio.
O espazo máis amplo será a sala de usos múltiples. O ximnasio estará adaptado para maiores e aberto ao exterior, o que permitirá continuar as actividades fóra nun circuíto biosaudable. O espazo de fisioterapia contará cunha ou dúas salas para atender as necesidades e os coidados das persoas maiores.