Beatriz Campos, ratificada como candidata do PP á Alcaldía do Grove
Por Redacción
Beatriz Castro será a candidata do PP para a Alcaldía do Grove nas próximas eleccións municipais de maio de 2019 unha vez que a dirección provincial do PP de Pontevedra a ratificou na tarde deste mércores nunha reunión do comité executivo local.
O presidente provincial do PP de Pontevedra, Alfonso Rueda, desprazouse ata O Grove para avalar e ratificar a candidatura e indicou que "non temos ningunha dúbida de que ela é a persoa idónea para encabezar o Partido Popular nas próximas eleccións municipais".
O líder provincial confía en que a candidata popular poida obter "magníficos resultados" nos próximos comicios locais e destacou que estará acompañada por un equipo de xente "próxima" e un proxecto que ilusionará os veciños do Grove.
"O Partido Popular preséntase para ganar, con humildade e ao lado dos veciños, ofrecendo sempre unha alternativa de goberno seria e comprometida que ilusione e que traballe polo ben común", indicou Rueda Valenzuela. Na súa opinión, "se hai alguén que pode representar o perfil do candidato que o Partido Popular busca esa é Bea, unha persoa comprometida co seu concello, traballadora e próxima".
Beatriz Castro explicou que presentarán un programa adaptado á realidade, "non unha carta aos reis magos como fan outros partidos, que logo á hora de gobernar esquecen". Será un proxecto "viable e realista, adaptado as necesidades do pobo".
Segundo indicou, afronta esta nova etapa moi ilusionada, "con ganas de darlle un cambio ao Grove proxectando os dous motores clave: o mar e o turismo". O seu obxectivo é que os veciños "se sintan máis orgullosos do lugar no que viven, que vexan cubertas as súas necesidades e que vexan como se potencia a imaxe e os recursos deste concello".
Beatriz Castro Vidal ten 39 anos e é natural de San Vicente. Estudou Dirección e Xestión de Empresas Turísticas no Centro Superior de Hostelería de Galicia e é titulada en Relacións Institucionais e Protocolo pola Escola Internacional de Protocolo de Madrid. Actualmente completa a súa formación cun máster en comunicación e marketing político que espera rematar no próximo ano.
Desde moi nova traballou en cadeas hoteleiras fóra de Galicia ocupando diferentes cargos directivos ata que en 2009 volveu ao Grove para asumir a xestión da empresa familiar. Foi presidenta da Asociación de Hostelería do Grove desde 2013 ata 2017, ano no que asume a presidencia do Partido Popular.