A praza da igrexa de Cosoirado terá un acceso en pedra
Por Redacción
Moraña dará inicio a próxima semana ás obras de humanización da praza da igrexa parroquial de Santa María de Cosoirado, unha actuación na que se investirán 20.000 euros.
Os traballos, que van a ser executados por unha empresa local, xa teñen determinadas todas as cuestións previas tras unha xuntanza sobre o terreo.
O eixo principal desta obra, que embelecerá e dotará de máis seguridade ao irregular acceso ao templo, céntrase na mellora da pavimentación por medio de tres tipoloxías de materiais segundo cada espazo.
Así, vaise dotar de formigón lavado con xuntas heteroxéneas a unha superficie duns 165 metros cadrados que comprende desde o cruceiro ata a entrada da igrexa e que respectará o afloramento rochoso e a banda de protección dos muros de pedra existentes.
Ademais, vaise pavimentar en xabre compacto un espazo duns 35 metros cadrados correspondente coa contorna máis próxima ao cruceiro e a obra completarase cun sendeiro formado por pezas rectangulares de granito intercaladas co pavimento de formigón que servirán para configurar e marcar o itinerario peonil.
O proxecto tamén contempla a adopción de medidas de protección para os elementos patrimoniais e no mesmo está previsto que se instale unha banda de áridos contida nun bordo de granito xunto ao cruceiro e unha pequena plantación, tamén no seo dunha pequena estrutura, preto dos muros de pedra.
A posta en valor desta zona completarase coa dotación de mobiliario urbano e elementos embelecedores, xa que se instalarán dous novos bancos de madeira e plantaranse especies vexetais na banda verde.
Relacionadas:
-
A igrexa de Cosoirado estrea unha nova praza
Por Redacción |
-
Moraña mellorará a conexión entre Soar e Cosoirado
Por Redacción |
-
2019 comezará en Moraña con obras en Rebón, Amil, Cosoirado e Soar
Por Redacción |
-
Moraña humanizará a praza da igrexa de Cosoirado
Por Redacción |
-
Moraña sinalizará enclaves de interese patrimonial e cultural para promocionalos
Por Redacción |