O Goberno reparte os novos fondos para loitar contra a violencia de xénero aos concellos
Por Redacción
A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, informou este mércores que os concellos recibirán nos próximos días as transferencias de fondos do Pacto do Estado contra a violencia de xénero que foron aprobados o pasado mes de agosto nun real decreto que case alcanza os 400.000 euros na provincia.
Maica Larriba mostrouse moi satisfeita porque os concellos recuperen unha competencia tan importante como a violencia de xénero pero "sempre cunha dotación económica para que podan desenvolver as súas actuacións preventivas e de formación".
Larriba recordou que os once concellos que permanecen no sistema de vixilancia da violencia de Xénero (VIOGEN) contarán co reparto dos remanentes, entre eles Bueu (18.970 euros), Caldas de Reis (18.552 euros), O Grove (18.718 euros), Marín (21.218 euros), Pontevedra (31.664 euros), Sanxenxo (19.887 euros) e Vilagarcía de Arousa (23.530 euros).
A resolución de transferencias menciona algúns proxectos ou programas aos que poden destinarse, como son campañas de sensibilización e prevención de calquera forma de violencia contra as mulleres, elaboración de materiais para ofrecer información en materia de violencia contra a muller ou promover as unidades de apoio no ámbito local ou mesas de coordinación local ou instrumentos de cooperación e coordinación similares.
Ademais, propoñen apoiar e contribuír ao exercicio das súas funcións polas unidades de apoio, reforzar os servizos municipais de atención e información a vítimas de violencia contra a muller, a realización de actuacións encamiñadas á formación especializada continuada de profesionais do ámbito local, en materia de igualdade entre mulleres e homes e nas formas de violencia contra a muller, o reforzo dos corpos de Policía Local adheridos ao sistema Viogen ou o reforzo dos puntos de encontro familiar.
Todos estes fondos económicos rexístranse nun cambio do orzamento para este ano que se firmou en agosto e polo que se dotaba o pacto contra a Violencia de Xénero de 20 millóns de euros. O ano próximo o compromiso do Goberno do Estado, tal e como recorda a subdelegada é de dispoñer de 40 millóns de euros.