VIDEO.- Desaloxan o colexio de Barcelos por un incendio no transformador
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Pouco antes das dúas da tarde, coincidindo co final das clases, orixinouse un incendio no transformador eléctrico situado no interior do colexio de Barcelos.
Os profesores adiantaron a saída dos alumnos e tiveron que desaloxar os preto de 70 menores que se atopaban esperando a quenda de comida no comedor escolar do centro.
O incendio provocou unha gran fumareda e estivo acompañado dunha ducia de explosións, provocando un corte da subministración eléctrica en diversas zonas do centro de Pontevedra afectando a un total de 1.953 clientes.
A xefa de estudos e actual directora en funcións deste colexio, Cristina Barreiro, explicou que "con toda normalidad se evacuó el comedor" mentres alertaban ao 112. Para cando os Bombeiros e a Policía Local chegaron ao lugar os nenos xa estaban a ser trasladados ao comedor do colexio Álvarez Limeses onde lles atenderon.
A directora en funcións foi tranquilizando ás familias informándolles de que "la situación está controlada". Un grupo de profesores permaneceu fronte ao centro para ir atendendo aos afectados.
A Policía Local procedeu ao corte ao tráfico do acceso á Praza de Barcelos e á rúa Rouco, acordoando a zona nun perímetro de seguridade.
Mentres tanto os Bombeiros tiveron que esperar a que os técnicos da empresa Unión Fenosa Distribución cortasen o fluído eléctrico para poder intervir. Foi a empresa auxiliar Elecnor a que atendeu esta avaría. Ás 15:10 horas restableceuse a subministración, abrindo a policía as rúas ao tráfico mentres se retiraban os bombeiros.
Un enxeñeiro de Unión Fenosa explicou á directora do colexio e a un inspector de educación que acudiu ao lugar que ao longo das próximas horas instalarase un xerador na zona e que durante a madrugada necesitarán cortar a corrente para tentar substituír a maquinaria estragada.
Este técnico responsable asegurou que "a zona é segura" xa que o transformador está nun recinto illado e que "el colegio está en condiciones de que mañana vengan los niños".
Despois de estudar esta información desde a dirección do centro de común acordo co inspector de educación decidiron suspender as titorías e as actividades extraescolares previstas para a tarde. En principio, o mércores recuperaranse as clases con normalidade.
Desde a Asociación de Nais e Pais de Alumnos do CEIP de Barcelos, Sonia Canay, lembrou que levan anos reclamando a retirada deste transformador situado na entrada do colexio, dentro do propio recinto. Esta petición foi apoiada por unha recollida de firmas de toda a comunidade escolar e dos comerciantes e residentes nesta zona.
Afortunadamente hoxe só foi un susto pero debe servir de advertencia para o futuro, comentaban os pais. Tamén reprocharon que non acudise ao colexio para interesarse polo ocorrido a concelleira de educación ou calquera outro responsable do goberno local.
A Xefatura Territorial de Educación destacou a rapidez coa que a dirección do centro actuou para garantir a seguridade de toda a comunidade educativa que permanecía no interior do colexio no momento dos feitos.
Relacionadas:
-
Entregan un escrito en Naturgy esixindo compromiso na retirada do transformador eléctrico do colexio de Barcelos
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O delegado de Educación presionará para que se retire o transformador do colexio de Barcelos
Por Anxo Lourido |
-
Fenosa acepta iniciar os trámites para resituar o transformador de Barcelos
Por Alejandro Espiño |
-
VÍDEO.- Así impediron as nais a instalación dun novo transformador no colexio Barcelos
Por Mónica Patxot |
-
Catro horas de peche no colexio de Barcelos para esixir a retirada do transformador
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot | Creada e actualizada