Quince actividades para todos os públicos na programación do Nadal de Cerdedo-Cotobade
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade organizou para este Nadal unha programación especial con 15 actividades variadas orientadas a todos os públicos que inclúen teatro, música, actividades deportivas, cine e tradicións, así como a emblemática Cabalgada de Reis coa súa posterior recepción.
Á espera de que este sábado 15 de decembro teña lugar a primeira actividade, o concerto de Os Lóstregos previsto para as 19.30 horas no centro cultural de Cerdedo, o Nadal xa chegou a Cerdedo-Cotobade, xa que o consistorio de Carballedo acaba de abrir a exposición das postais escolares que participan no tradicional Concurso de Nadal.
Ademais, esta semana terá lugar o acendido do alumeado ornamental, que conta cunha trintena de arcos distribuídos polas localidades de Carballedo, Tenorio e Cerdedo. A praza do Concello e o consistorio de Carballedo terán decoración e haberá unha gran árbore decorada na Praza do Concello de Cerdedo.
O domingo 16 de decembro está programado o musical de 'Carapuchiña Vermella' ás 18.30 horas no centro cultural de Cerdedo.
Entre as datas máis agardadas está a visita de Papá Noel, que vai incluir algunha novidade, xa que vaise adiantar ao 20 de decembro coa súa presenza nos tres colexios públicos do municipio.
O 22 de decembro comezará un obradoiro de xoguetes na casa do pobo de Borela e o 23 ás 17.00 horas haberá unha obra de teatro, 'Nabiza Girl', no centro cultural de Cerdedo e ás 17.30 horas un concerto da banda de Tenorio no local musical de Tenorio.
O 26 de decembro será o turno do cinema, coa proxección de 'Los increíbles 2' ás 17.30 horas no centro cultural de Cerdedo e o 29 haberá un torneo de fútbol base no campo das Extremas, unhas Cantadas de Nadal ás18.00 horas na igrexa de Augasantas e o Festival da Escola de Música ás 19.30 horas no centro cultural de Cerdedo.
A música tamén terá unha cita o 30 de decembro con 'Uxía Lambona e a Banda Molona' ás 17.30 horas no CEIP de Cerdedo e o 4 de xaneiro co Certame de Reis ás 19.30 horas no CEIP de Carballedo.
No caso dos Reis Magos, a xornada do 5 de xaneiro manterá o seu formato tradicional cun percorrido polas parroquias, dende as 10.30 horas, coa entrega de agasallos aos cativos e, xa pola tarde, a habitual recepción na Praza do Concello de Cerdedo e a posterior entrega de obsequios aos nenos no colexio público, onde tamén haberá un espectáculo de animación musical e degustación de chocolate e rosca.