Un mozo acepta un ano e seis meses de prisión por distribuír cocaína en Pontevedra
Por Natalia Puga
Un mozo pontevedrés aceptou este martes cumprir unha pena dun ano e seis meses de prisión por dedicarse á distribución de cocaína en distintos puntos de Pontevedra xunto a outros tres acusados que xa foron xulgados e condenados coa súa conformidade meses atrás.
O mozo sentou este martes no banco dos acusados da Sección Segunda da Audiencia de Pontevedra e acadou un acordo coa Fiscalía polo que se reduciu substancialmente a condena á que se enfrontaba inicialmente. Nun primeiro momento pedíanlle tres anos e medio de prisión acabou conformándose con ano e medio, ademais do pago dunha multa de 1.200 euros.
O xuízo comezou na Audiencia con atraso porque o acusado non se presentou á hora fixada. Ante a imposibilidade de localizalo, unha patrulla policial foi á casa dun familiar e estaba alí. Non tentaba eludir a celebración do xuízo, senón que se quedou durmido. En canto o localizaron, foi trasladado á Audiencia e celebrouse a vista.
Os feitos cos que se conformou rexistráronse polo menos desde os primeiros días de agosto de 2014. Os catro sospeitosos contra os que se dirixiu esta causa dedicábanse á venda de cocaína a terceiras persoas na cidade de Pontevedra. No marco das investigacións policiais puideron acreditarse distintas vendas na rúa Pai Amoedo, na rúa Barón e nun portal dun edificio do que non transcendeu a dirección.