A APDR presenta recurso de alzada contra a revisión da autorización ambiental de ENCE
Por Oskar Viéitez
A Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) vén de presentar recurso de alzada contra a resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Xunta de Galicia pola que se revisa a autorización ambiental integrada da fábrica de ENCE.
O colectivo ecoloxista sinala que esta revisión admite varias das alegacións da asociación pero "basicamente dá resposta ás esixencias de ENCE e non á necesidade de preservar a calidade das augas da ría para o marisqueo e o turismo".
Así, esta licenza verde admite que debe modificarse a catalogación inicialmente asignada á factoría en función da potencia da caldeira de biomasa.
O recurso da APDR plantea que fíxanse valores límites de emisión de contaminantes á atmosfera que superan os límites establecidos na lexislación ambiental, "e non se ten en conta que a actual rede de estacións de control da calidade do ar é insuficiente". A día de hoxe só existen dúas estacións, unha no Areeiro e outra en Campelo.
Ademáis recorren a decisión da Xunta de manter os actuais límites de emisión de ruído.
Sobre os vertidos á ría, a APDR expresa a súa disconformidade con que non se fixe un caudal de vertido máximo diario, establecéndose exclusivamente un máximo anual, "o que facilita a dilución do vertido, unha práctica ilegal que ENCE realiza a miúdo".
Tampoco está de acordo con que se manteña o actual punto de vertido nin con que se fixen uns límites de vertido que "superan con moito" os establecidos pola lexislación europea.
Para a APDR, a Xunta de Galicia tería que ter en conta que a ría é unha zona declarada sensible e que "a súa vocación natural é a dos cultivos mariños e o turismo", unhas actividades que precisan dunhas augas saneadas.