Dezaseis monitores animarán o maratón solidario de zumba
Por Redacción
O Pavillón Universitario acollerá o vindeiro xoves 20 de decembro a edición número 16 do Maratón Solidario de Zumba, un evento e dirixido a reunir alimentos cos que contribuír ao labor social que realiza en Pontevedra o comedor dos Pais Franciscanos.
Trátase dun evento aberto a toda a cidadanía, á que se solicita que achegue un quilo de alimentos non perecedoiros como o único requisito para participar.
Esta actividade reunirá este ano o maior número de monitores, un total de 16 que tratarán de animar a divertirse e facer actividade física ás persoas que entre as 20.00 e 22.00 horas se acheguen polo Pavillón Universitario.
"O único requisito para participar é traer cando menos un quilo de alimentos e ter gañas de pasalo ben e divertirse colaborando co labor solidario deste comedor", salienta o técnico Gustavo Loureiro.
Os monitores irán rotando ao longo destas dúas horas para ir propondo aos asistentes diferentes coreografías neste maratón dedicado a unha disciplina que combina os exercicios aeróbicos cos pasos de baile e que en 2017 permitiu reunir preto de 200 quilos de alimentos.